Imprimir Ligazón permanente
Escola da Torre

Datos básicos
Nome actual:
Escola Laica de Cabanas
Lugar: A Torre
Parroquia: San Martiño de Porto
Concello: Cabanas
Comarca: Eume
Provincia: A Coruña

Coordenadas:
UTM X: 567570.20 UTM Y: 4808345.08 Localizar no mapa

Uso no pasado
Centro de ensino primario e vivenda do mestre/a

Uso na actualidade
Centro sociocultural de Cabanas

Máis información
Inauguración: 1929

Descrición e historia
Edificio formado por tres volumes, un principal e frontal de dúas plantas e un soto, xerado polo desnivel do terreo; e dous posteriores, dispostos en perpendicular ao principal, e que estaban separados por un patio exterior intermedio, que na actualidade está cuberto e parece un cuarto volume arquitectónico.
O edificio está construído en pedra. O bloque principal ten cuberta de tella a catro augas en roda; nos outros bloques posteriores a cuberta é a dúas augas.
Nos volumes posteriores, estaban situadas as aulas, unha para nenos e outra para nenas, que contaban con accesos independentes a través do patio. No volume central, estaba o acceso principal cun amplo vestíbulo e varias estancias na planta baixa, das que non coñecemos a súa finalidade; no primeiro andar, estaban as vivendas dos mestres/as.
Destaca a monumentalidade da fachada principal, cun soportal coroado por unha balaustrada sostida por columnas e pilastras de base cadrada, remarcada por unhas escaleiras de dous tiros, que actualmente son ramplas.
Os elementos ornamentais céntranse nos esquinais dos edificios, cun xogo de molduras de entrantes e saíntes que dinamizan o conxunto; e nunha banda horizontal que percorre todo o edificio e separa visualmente os pisos. Aprovéitase a moldura da cornixa e a banda horizontal para xerar os capiteis das columnas que sosteñen a balconada da fachada principal. As numerosas fiestras das fachadas presentan peitorís moldurados que descansan en pequenas ménsulas.
Inaugurado como centro educativo en 1929, funcionou como escola de ensino primario para os nenos e nenas da bisbarra. En 1933, pasou a ser albergue de verán para nenos e a acoller colonias escolares. Tras a Guerra Civil, o edificio foi requisado polo exército, que o destinou a ser un centro de auxilio social para nenos orfos.
Destaca o amplo terreo con árbores e xardíns, que tiña unha superficie de 2000 m2.
Este edificio sufriu numerosas transformacións ao longo do tempo, a máis importante foi a rehabilitación no ano 2000, levada a cabo polo concello de Cabanas, para darlle unha nova funcionalidade como centro sociocultural e lugar de realización de cursos, seminarios, conferencias, etc.

Promotor
Luz de América de San Martín y Cabañas
A escola da Torre na actualidade
Extras


Imaxes