Imprimir Ligazón permanente
Escola de Covas

Datos básicos
Nome actual:
Escola de Covas
Lugar: Triáns
Parroquia: Santa María de Covas
Concello: Negreira
Comarca: A Barcala
Provincia: A Coruña

Coordenadas:
UTM X: 520539.73 UTM Y: 4752293.96 Localizar no mapa

Uso no pasado
Centro de ensino primario

Uso na actualidade
Sen uso

Máis información
Inauguración: 1921

Descrición e historia
Edificio dunha soa planta, de forma rectangular, construído sobre unha plataforma de cimentación para evitar o desnivel do terreo, que xera un amplo soto que probablemente funcionaba como almacén. Está feito de pedra, con cantaría, e cuberta de tella a catro augas.
Na fachada principal sitúanse todos os elementos ornamentais, que lle proporcionan prestancia ao edificio. A entrada principal aparece subliñada por unha escaleira de cinco chanzos e, flanqueando a porta de acceso, hai dúas pilastras que rematan na parte superior nun frontispicio que coroa a fachada. Este frontispicio semicircular contén no tímpano un globo terráqueo pintado coas cores da bandeira galega, o que lle proporciona unha carga simbólica entre dúas pequenas pilastras con remates vexetais. Destaca o xogo de elementos horizontais fronte aos verticais: as bandas do zócolo, as carpintarías e a cornixa moldurada que percorre o edificio, debaixo da cal hai unha liña de pequenas grecas decorativas, acentúan a horizontalidade da fachada; en contraposición á verticalidade que proporcionan as pilastras, con capiteis de motivos vexetais, que enmarcan as fiestras e a porta principal.
Todos estes elementos responden a un estilo ecléctico que combina formas xeométricas e vexetais, que lembra a arquitectura modernista de principios de século na que bebe a arquitectura indiana.
Nesta fachada hai unha placa alusiva á sociedade promotora «Fundación de la Sociedad Barcalesa de La Habana. 1919».
O edificio escolar estaba situado no centro dun amplo recinto, definido por un muro de pedra e varanda metálica de formas vexetais. A parte dianteira funcionaba como patio, mentres que a traseira era un campo de recreo moi grande onde xogaban os rapaces.
Nun documento contable da sociedade promotora valoran o edificio escolar de Covas en 62 915,73 pesos.
As actividades escolares comezaron no ano 1922, cunha soa aula para nenos, de planta cadrada, situada nun dos extremos, á que se accedía por un amplo vestíbulo central.
Esta foi a primeira escola creada pola Unión Barcalesa e ademais a de mellor construción e dotación. Nela puideron experimentar con maior fondura e medios o plan pedagóxico que se recollía no regulamento xeral da delegación. O 14 de xullo de 1922, Carlos Amigo, director do centro, remite un escrito ao reitor da Universidade Literaria de Santiago no que expoñía que se ían impartir as seguintes materias: xeografía, xeometría, agricultura, física, química, historia natural, fisioloxía, hixiene, relixión e moral, aritmética, contabilidade mercantil, gramática, instrución cívica, historia de España e idioma. Este amplo programa educativo durou moi pouco e, xa en 1925, céntrase nos estudos básicos para os alumnos. Ese mesmo ano realizan a apertura da aula para nenas, situada no outro extremo do edificio, a cargo da mestra Mercedes Magariños e imponse desde Cuba a obrigatoriedade do uso do uniforme para todos os alumnos.
En 1929, a escola foi alugada ao concello, que manda construír unha vivenda para a mestra na parte posterior do recinto escolar.
Despois de moitos anos de funcionamento como centro escolar, en 1994, nunha visita do presidente e da secretaria da Unión Barcalesa a Negreira, estes fixeron doaron os edificios escolares, que financiaran no pasado, aos concellos de Negreira e A Baña. Actualmente a escola de Covas está sen uso.

Promotor
Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa
A escola de Covas na actualidade
Extras


Imaxes