Datos básicos
Nome actual:
Antigo CEIP Beis Sada
Lugar: Santiso
Parroquia: Santa María de Castrofeito
Concello: Pino, O
Comarca: Arzúa
Provincia: A Coruña
Coordenadas:
UTM X: 548943.21
UTM Y: 4752869.55 Localizar no mapa
Uso no pasado
Centro de ensino primario e vivenda dos mestres/as
Uso na actualidade
Ata o ano 2011: centro de educación primaria e infantil. Actualmente sen uso
Máis información
Inauguración:
1928
Descrición e historia
Edificio de dous andares, de planta rectangular, con cuberta de tella a catro augas en roda. Está construído con cachotaría irregular revestida con morteiro de cemento. Nos extremos da fachada principal hai unhas escaleiras de tramo único que continúan ata a fachada lateral, formando un ángulo, para dar acceso ao primeiro andar.
É un edificio moi sinxelo na súa decoración, destacando a súa simetría na colocación dos vans das fachadas. Os elementos ornamentais redúcense aos remarques dos vans; ás bandas horizontais que separan visualmente os andares, e, debaixo da cornixa, a uns taquiños que lembran un friso dentado. Os esquinais están formados por unha superposición de pedras de cantaría que imitan perpiaños. As fiestras da planta baixa, dúas a cada lado da porta principal, levan no lintel unha clave máis desenvolvida a modo decorativo. Na primeira planta, enriba da porta principal, había unha fiestra con balcón de reixa, actualmente tapiada.
Na fachada principal consérvanse varias placas conmemorativas da fundación da escola. Unha delas fai referencia aos seus promotores: «GRUPO ESCOLAR DONADO Y DIRIGIDO POR LOS HERMANOS HIJOS DE ESTA PARROQUIA, D. RAMÓN Y D. JOSÉ BEIS SADA, AMANTES DE LA CULTURA 1928». Esta lenda vai inscrita nunha placa que leva gravados varios motivos simbólicos, como un compás, varios libros, unha pluma, unha regra e diversas ferramentas de traballo agrícola: un carro, un arado, unha forcada, etc. Sobre a porta principal hai outra colocada polos veciños en homenaxe aos seus benfeitores: «LUGAR DE BEIS SADA. LOS VECINOS DE CASTROFEITO A LOS BENEFACTORES DE ESTA PARROQUIA 1928». No lado dereito, noutra placa de mármore, podemos ler a lista dos doadores do mobiliario da escola e a cantidade de cartos que achegaron, tamén o seu lugar de residencia: A Habana, Montevideo e Bos Aires; así como o nome dos doadores do soar onde se construíu o edificio escolar.
Todo o recinto está pechado cun muro de cemento no que se alternan pezas de formigón cun enreixado de ferro.
O centro escolar foi inaugurado en 1928. Contaba con dúas aulas, para os nenos e nenas da parroquia, situadas na planta baixa e con entrada pola fachada posterior. Na primeira planta estaban as vivendas dos mestres da escola e tiñan entrada tanto pola fachada principal como polas escaleiras laterais do edificio. Na zona posterior había un amplo terreo, onde os alumnos tiñan clases de prácticas agrícolas.
Ata hai dous anos a planta baixa era unha escola de educación infantil pero actualmente está pechado e sen uso.
Promotores
José Beis Sada
- Construción de nova feitura
Ramón Beis Sada
- Construción de nova feitura