Imprimir Ligazón permanente
Agapito Serra Fernández

Datos básicos
Agapito Serra Fernández
Data de nacemento: Sen datos
Concello de nacemento: Covelo
Provincia de nacemento: Pontevedra
Data de pasamento: Sen datos
Localidade e país de emigración: Lisboa (Portugal)

Biografía
Agapito Serra naceu no lugar de Redondo, no concello pontevedrés de Covelo, na segunda metade do século XIX. Moi novo emigrou a Portugal, un dos destinos principais dos emigrantes da comarca pontevedresa de onde era natural. Instalouse en Lisboa e, despois de anos de esforzos, conseguiu montar un restaurante chamado A Estrela de Ouro. Tamén creou unha fábrica de alimentos co mesmo nome e logrou un importante éxito empresarial.
Considerado como un dos principais industriais de Portugal, en 1907 encárgalle edificar ao arquitecto Norte Júnior unha barriada de casas, que levaría o nome das súas empresas. Estas casas eran alugadas por un módico prezo aos seus traballadores e, hoxe en día, constitúen un dos barrios lisboetas máis característicos. Estaba formado por uns 120 edificios, de dous e tres andares; tiñan acceso directo ao exterior e seguían modelos arquitectónicos de carácter ecléctico. Os edificios destacaban polos paneis de azulexos e os balcóns de ferro forxado.
D. Agapito foi un destacado membro da colectividade galega asentada en Portugal. Foi directivo de varias sociedades de socorros mutuos, como a Asociación Galaica e a Fraternidad Española, e foi un dos promotores da fusión de ambas as entidades, que daría lugar, en 1931, á creación do Centro Galego de Lisboa.
Home de enorme xenerosidade, mandou construír na súa aldea natal unha escola «con capacidad para setenta alumnos y casa habitación correspondiente para el maestro con todas las comodidades». Ao seu carón, financiou tamén a construción dunha capela dedicada ao seu santo patrón, San Xosé.
En agosto de 1931, como recoñecemento ao seu labor filantrópico, os seus veciños decidiron erixir un busto no recinto onde estaban a capela e a escola que el financiara.

Escolas relacionadas
Casa-escola de San José

Busto conmemorativo de Agapito Serra Fernández

Imaxes