Colexio San Narciso

Datos básicos
Nome actual
CPR San Narciso
Lugar: O Monte
Parroquia: Mogor
Concello: Marín
Comarca: O Morrazo
Provincia: Pontevedra


Outros datos
Coordenadas UTM X: 523734.33 UTM Y: 4693048.67

Uso no pasado: Centro de ensino primario e clases nocturnas para adultos. Nos anos 30 daban tamén bacharelato e clases de comercio.

Uso na actualidade: Colexio privado concertado que abarca todos os graos, dende infantil ata bacharelato

Detalles
Inauguración: 1926

Descrición e historia
En 1926 instálase en Marín a Congregación de la Misión de San Vicente Paúl, cuxos relixiosos son coñecidos como Padres Paúles, para crear un colexio para os nenos e nenas da vila. O indiano Narciso Nores Salgado, testamenteiro do benfeitor de Marín Narciso Orelo, decide entregarlle un edificio a esta orde no que debían fundar un colexio.
Este edificio estaba construído no centro da vila. Tiña dous andares con planta en forma de L. No bloque lateral estaban situadas catro aulas onde os nenos e nenas da vila e de toda a comarca recibían clases de ensino primario de maneira gratuíta e estudos de comercio en réxime de pagamento; na fachada principal estaba situada a vivenda dos relixiosos cunha capela, unha biblioteca, unha cociña e un comedor para o alumnado, así como varias dependencias: «en el bajo había unha habitación al lado de la secretaría que funcionaba como despacho de dirección. Mirando al patio que hay en la parte posterior de la edificación, frente al recibidor están los despachos de los cargos directivos, con forma rectangular y orientados en paralelo con el corredor que atraviesa la planta frontal de oeste a este». Na zona posterior había un xardín para uso da comunidade e un campo de xogo.
Pronto este edificio quedou pequeno e iranse construíndo varios bloques anexos, o que converteu a planta nun U; no novo bloque transversal situáronse as habitacións dos alumnos que vivían internos. Creouse, ademais, un gran patio interior. Para estas ampliacións a familia Nores doou parte dos terreos que eran da súa propiedade.
Na década dos 50, o centro educativo pasa a ser un colexio de bacharelato privado, pero os relixiosos conseguen que un 10 % dos alumnos fosen bolseiros.
Este colexio funcionou ata 1975. Neste ano, ante a necesidade de espazo, deciden construír un novo edificio. Para conseguir fondos venden o antigo edificio e con axudas e empréstitos financian un novo complexo escolar que se constrúe nas aforas de Marín, na parroquia de Mogor, e conta con varios edificios e instalacións deportivas.
O primeiro edificio foi derrubado e no soar habilitouse o parque Egurem da vila de Marín.

Promotores
Narciso Nores Salgado

Narciso Orelo García


Imaxes