Datos básicos
Nome actual:
Antiga Casa do Pobo
Lugar: Salvaterra
Parroquia: San Lourenzo de Salvaterra
Concello: Salvaterra de Miño
Comarca: O Condado
Provincia: Pontevedra
Coordenadas:
UTM X: 541425.4321
UTM Y: 4659263.5421 Localizar no mapa
Uso no pasado
Sede dos sindicatos agrarios da comarca, cooperativa agrícola e no primeiro andar, había unha aula onde se impartían clases de ensino primario
Uso na actualidade
Sen uso, en fase de restauración
Máis información
Inauguración:
15/07/1928
Descrición e historia
Edificio de dous andares, con planta en forma de U, cuxos brazos se proxectan cara á fronte na zona posterior. Está construído en cachotaría mesturada con cemento, formando unhas pezas rectangulares que lembran as pezas de cantaría. Ten cuberta de tella a catro augas en roda. Polo desnivel do terreo, foi feito sobre un baseamento de distinta altura.
Os elementos ornamentais están situados principalmente na fachada principal, que dá á estrada principal da vila. Nesta fachada destaca un corpo central: no piso superior hai unha especie de pequeno soportal ou balconada de perfil mixtilíneo sobre dúas pilastras, con varanda de cemento que descansa sobre dúas ménsulas con volutas. Estas semellan ser os capiteis de dúas semicolumnas que flanquean a porta principal da planta baixa. Esta zona de entrada está tamén refundida con respecto ao paramento, o que potencia o acceso principal do edificio. A varanda de cemento do corpo central repítese nas fiestras do piso superior. As reixas con formas xeométricas teñen tamén un claro sentido decorativo.
Nos esquinais e para delimitar os corpos laterais hai unha sucesión de pezas con entrantes e saíntes que dinamizan a fachada. Todos os vans da fachada teñen subliñado o remarque, co lintel con forma de arco de medio punto e a clave central moi desenvolvida. De feito, as dúas claves dos vans do baixo, de maiores dimensións, acaban enlazándose coa banda horizontal que separa claramente os dous andares. Hai que subliñar tamén a cornixa, que descansa nunhas ménsulas curvas.
As fachadas laterais e posterior son máis sinxelas dende o punto de vista decorativo, cos vans remarcados con molduras rectas e o uso de reixas máis sinxelas.
A sociedade promotora fixo este edificio para darlle diversos usos: contaba con varias dependencias na planta baixa para ser utilizadas como sede dos sindicatos agrarios da bisbarra e como cooperativa agrícola; o primeiro andar estaba habilitado como aula onde os nenos recibían clases de ensino primario e se impartían ademais clases nocturnas para os adultos analfabetos.
O edifico foi usado como centro educativo e de formación moitos anos, pero actualmente está en fase de rehabilitación.
Promotor
Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño
- Construción de nova feitura